Sinopsis

Presentación e ideario da actividade de contar contos e historias que leva por lema

Bicoca de boca en boca ou Contos que non falten

Celso Fernández Sanmartín Bicoca de boca en boca ou Contos que non falten








   

Levo recollendo contos e historias inconscientemente toda a vida, coma calquera. Pero desde o ano 1997 veñoas recollendo e reacomodándomas, coa intención de contalas de cara a distintos públicos

Empecei por casualidade e oportunidade. Continúo porque é unha actividade de amor, sentido e paixón: pola lingua, pola oralidade, pola comunicación, por pensar que non se perda un verdadeiro tesouro de historias e contos, e ilo por aí mostrando e ofrecendo coa boca aberta e coa boca chea, falando ademais bencísimo del, que é coma falar dunha das nosas posibilidades de relación e cultura máis ricas e admirables. 

A miña devoción son as persoas maiores, culturalmente refeitas na oralidade. Entre elas hai moitas que son contadoras intuitivas e intelixentes e atentísimas a todo. Devoción polo vivo interés que poñen nas historias, nos contos e nas memorias que contan. Devoción porque saben “elaborar un momento”: A partir dunha miga de tempo que se preste* ou inesperadamente. Inda hai de momento en calquera lugar a onde un vaea,  persoas maiores que teñen a virtude de atraer a atención e mantela cunha(s) historia(s) pertinente(s), que por acerto e valor específico, prenderá(n)  entre os nosos recordos perennes, frescos coma da primeira hora.

*(Hoxe por hoxe, as migas de tempo, os momentos que se prestaban a contar,  perderon bastante os seus “espacios naturais”: no día a día, en datas sinaladas, en épocas do ano, ... Temos outros enredos no seu sitio, outra medida do tempo. Fómonos deixando dese “costume natural”. Dese falar, contando ben contado e por contar.)

O meu fardo ou repertorio está composto basicamente por contos, historias e memorias ligadas á tradición oral galega e tamén á europea, (na que temos arte e parte), asentadas na cultura agrícola-gandeira e pedestre. E cun toque contemporaneo, para apalparlles que tamén son actuais, que aquí as están e non coma pezas de museo. Tamén invento historias e contos, coma calquera...

Ás nenas e nenos, e á xente grande, intento contarlles ademais, que o que se conta non é unha cifra exacta-exacta, e que a lingua non se pode deixar que se poña de trapo.

Ata pronto cun saúdo.
Lalín, 20 de febreiro de 2008

                                                                       Asdo. Celso Fernández Sanmartín