Rolda de Prensa
Presentación Artes no Camiño 2008
Luns, 10 de marzo de 2008
Lugo

O Camiño de Santiago é a gran vía de interrelación cultural de Galiza e, xa que logo, constitúe un patrimonio que debemos coidar e incentivar. Os galegos e galegas que viven ao pé dos diferentes Camiños de peregrinación non só son unhas privilexiadas testemuñas do paso dos camiñantes e turistas que cada ano, especialmente durante o verán, recorren esta vía, son tamén os beneficiarios directos dese encontro cultural que se dá con xentes de todo o mundo. Polo tanto, esa gran confluencia de xentes reclama unha atención continuada e diversa de actividades culturais e lúdicas que manteña ao Camiño como un gran referente cultural de proxección internacional.
Para reforzar este obxectivo a Consellería de Innovación e Industria impulsa unha serie de programas culturais que procuran compaxinar as necesidades e posibilidades dun público diverso cunha oferta de calidade e tamén variada en contidos. Con esta finalidade naceu o programa Artes no Camiño, que chega en 2008 a unha nova edición . O Encontro Musical con outras Artes arredor do Camiño de Santiago céntrase sobre todo na música, a danza, a poesía e o teatro con eventos a celebrar nos vindeiros meses de xullo e agosto. O aspecto artístico é preponderante no programa, pero tamén hai unha importante dimensión educativa e social, a través da formación e a relación entre os artistas galegos, con obradoiros estables destinados a eles e tamén para nenos, e a posibilidade de participar de xeito aberto e activo por un amplo público. Hai que lembrar que todas as actividades, ao igual que o ano pasado, son gratuítas.
Dos concertos e espectáculos artísticos que conforman o programa desta edición débese salientar a súa variedade e calidade das propostas e artistas. A presenza do recoñecido violinista Benjamin Kreith, o frautista Carlos Cano, o grupo Hipocampus ou o poeta Xosé María Álvarez Cáccamo, son unha pequena escolma das máis de 60 actividades que se desenvolverán.
En canto aos cursos que se van celebrar, os alumnos inscritos poderán afondar no canto gregoriano, na luthería, nas técnicas instrumentais (de violín, viola, contrabaixo e violonchelo), na danza, no teatro ou na arte de contar contos. As artes plásticas tamén formarán parte do Encontro Artes no Camiño, que integrará ademais un Festival da Mocidade no que participarán varios grupos e artistas novos.
A programación ten un orzamento de 380.000 euros aportados pola Consellaría, e desenvolveráse en 10 localidades de todo Lugo: Pedrafita do Cebreiro, Triacastela, Samos, Sarria, Paradela e Portomarín, no Camiño Francés; Lugo, no Camiño Primitivo; e Ribadeo, Foz e Mondoñedo no Camiño Norte e nas súas inmediacións. Máis de 450 persoas traballarán nesta iniciativa que conseguirá dinamizar a programación cultural do verán nestas comarcas do interior, aproveitando así as actividades que se irradian dende os camiños de Santiago por todo o noso país.
Como presentación do Programa Artes no Camiño esta mesma semana haberá 2 concertos en 2 lugares emblemáticos asociados aos Camiños de Santiago. O día 15 de marzo actuará o grupo Ars Combinatoria no mosteiro beneditino de Samos e 2 días máis tarde, o 17, este concerto de música medieval repetirase na antiga catedral de San Martiño de Mondoñedo, en Foz.
A Consellaría de Innovación e Industria quere convidar a todos os veciños e visitantes destas localidades a seguir a programación de Artes no Camiño 2008, que encherá de arte e cultura as localidades luguesas dos camiños de Santiago o vindeiros verán.
Moitas grazas.
Fernando X. Blanco
Conselleiro de Innovación e Industria,
Referencias
lavozdegalicia
http://www.lavozdegalicia.es/lugo/2008/03/11/0003_6641426.htm
xornal
http://www.xornal.com/article.php3?sid=20080311091701
El Progreso
http://www.galiciae.com/nova/8006.html
elpais
http://www.elpais.com/articulo/Galicia/Musica/arte....
culturagalega
http://www.culturagalega.org/noticia.php?id=11738&soportal=rcg
europapress
europapress.es/00245/20.....
Pruebas
lavozdegalicia
http://www.lavozdegalicia.es:80/lemos/2008/04/08/0003_6714451.htm