O Blog de Artes no Camiño
Artes no Camiño
IV Encontro Musical con outras Artes arredor do Camiño de Santiago
Podería dicirse que o termo «Encontro» é o que define con máis exactitude o Festival Artes no Camiño desde os seus comezos. Nace por ese desexo e coa intención de encontrarse nun punto os distintos camiños que o ser humano escolle para o desenvolvemento do que chamamos arte e cultura: música, teatro, danza, literatura ... O punto de partida para a edición de 2008 é a xeografía da provincia de Lugo, nos lugares máis representativos das tres rotas do Camiño de Santiago (Camiño Francés, Primitivo e do Norte), coincidindo así, intencionadamente, co non menos importante encontro de peregrinos que atravesan estas rotas no seu camiño cara ao Santuario do Apóstolo.
Tres son os contidos que, como piares, sustentan este Encontro-Festival:
Artístico
O Festival das Artes é lugar de encontro de todas as propostas artísticas de agrupacións e personalidades do mundo da música, do teatro e da danza, facendo incursións noutras disciplinas como as artes plásticas e a literatura. Ademais das actividades das diversas disciplinas, créanse montaxes de «creación propia» como froito da unión das distintas artes e como demostración da relación de convivencia que existe no Encontro.
Educativo
Outro dos alicerces para a organización de Artes no Camiño é que fortalece este Encontro e a «Actividade Educativa» mediante a organización de talleres e cursos estables, enfocados
a artistas novos galegos que estean realizando estudos en calquera disciplina das que presente o Encontro. Para iso realízase un traballo de selección polas principais institucións de educación artística de Galicia. O froito deste traballo exponse no «Festival da Mocidade», paralelo ao Festival das Artes; tamén se organizan talleres abertos das disciplinas artísticas propias do país. Da mesma maneira, conscientes da importancia e a influencia que poidan ter as Artes na infancia, organízanse talleres para nenos e nenas en consonancia coas Artes representadas no Encontro, estean ou non desenvolvendo na súa vida unha disciplina artística.
Social
Toda actividade artística leva implícita a comunicación e esta tennos que levar á integración. Pódese dicir que a arte é a esencia do ser humano, participando dela tanto o creador como o receptor. Por este motivo, na Arte deben participar todos os estamentos da sociedade, sen haber ningún tipo de discriminación social, debendo estar integradas todas as realidades sociais máis desfavorecidas, xa sexa pola súa situación física, psíquica ou de marxinación. Artes no Camiño aposta por esta integración, dando a todo tipo de realidades humanas a oportunidade de manifestarse e achegando esas actividades artísticas aos lugares a onde normalmente non chegan.