
A Coruña (1973). Comezou os seus estudos musicais co seu pai na Coruña, así como violonchelo cos profesores Ignacio Alonso e Lito Iglesias nesa cidade, e posteriormente con Dalibor Sebêstik en Santiago de Compostela.
Foi membro da Xoven Orquestra de Galicia, así como de In Itinere, Grupo de Cámara da USC (Universidade de Santiago de Compostela) baixo a dirección de Carlos Villanueva, co que chegou a gravar tres CDs. Foi tamén alumno da Escola de Práctica Orquestral da OSG (Orquestra Sinfónica de Galicia) e recibiu clases privadas de David Ethève, primeiro violonchelo da devandita orquestra. Asistiu como alumno aos talleres musicais do Taller Instrumental do CGAC (Centro Galego de Arte Contemporánea).
No 1996 é invitado como solista no Concerto de Xóvenes Intérpretes da OSG baixo a dirección de James Ross e seguidamente trasládase a Holanda para ampliar estudos no Koninklijk Conservatorium da Haia, cos profesores Gregor Horsch (violonchelo-principal da Koninklijk Concertgebouworkest de Amsterdam) e Monique Bartels.
No 1999 foi membro da Schelswig-Holstein Musik Festival Orchester, baixo a dirección, entre outros, de Pascal Rophé, Christoph Eschenbach, Mstislav Rostropovich e Vladimir Spivakov.
Traballou a música de cámara con Kees Hulsmann, Anja Lechner e Monique Deschaussées, entre outros, e a interpretación histórica no violonchelo con Antoine Ladrette no marco dos cursos de Música Antiga Cánticos, Cántigas e Cantos organizados pola USC. Participou en masterclasses impartidas por Jaap ter Linden, Lluis Claret, Francis Gouton, Jean Decross, etc.
Foi bolseiro da Excma. Deputación da Coruña, a Fundación Caixa Galicia e a Fundación Pedro Barrié de la Maza, esta última bolsa en calidade de gañador do seu II Ciclo de Xóvenes Intérpretes.
No ano 2000 convidouno a Banda Municipal da Coruña para interpretar o Concerto para Cello e Ventos de Jacques Ibert, e no 2001 foi invitado tamén en calidade de solista para participar no concerto extraordinario dos Ciclos de Xóvenes Intérpretes da Fundación Pedro Barrié de la Maza, onde interpreta o Triplo Concerto de Beethoven, esta vez coa OSG.
Desde o ano 2001 é membro da RFG (Real Filharmonía de Galicia) e no 2005 funda Chelicia, Grupo de Violonchelos de Compostela, co que actúa en festivais como o Via Stellae ou o ciclo de cámara organizado pola USC "Música na Compañía". Tamén é membro do Trío Artabria co que ten actuado en diversas cidades e vilas de Holanda, Galicia e Cataluña, así como de Ars Combinatoria, actuando nos Ciclos de Música nas Igrexas de Madrid sobre as Cantatas de Bach e no Festival "Artes no Camiño" entre outros.
No 2006 o Consello da Cultura Galega convidouno para participar na conferencia-concerto sobre a figura de Xosé Arriola, onde interpreta a súa Pequena Serenata para Violonchelo e Piano. No ano 2007 protagoniza a estrea española do Trío ‘Guernica’, do compositor galego establecido en Nova York Octavio Vázquez, no marco do Festival Vía Stellae. Tamén neste ano estrea Eterno, Elexía para Violonchelo e Piano, de Juan Durán, e a Fundación Barrié de la Maza convídao a tocar nos concertos conmemorativos do seu 40 Aniversario.
A súa experiencia docente abrangue colaboracións coa OJSG (Orquesta Joven de la Sinfónica de Galicia), a Orquesta Presjovem Ciudad de Lucena, Escola de Altos Estudos Musicais (música de cámara), e actualmente na NOGA (Nova Orquestra Galega das Artes), no marco do Festival de Música "Artes no Camiño" (Lugo).
Carlos García Amigo é membro fundador do ensemble s21 desde novembro do ano 2007.