Elsa Ferrer

Violinista elsa ferrer








   Escolle o violín entre varios instrumentos que escoita con 7 anos grazas á sensibilidade artística e ao valor dos seus pais, así como da iniciativa da gran pianista Carmen Blanco quen sempre apoiou e compartiu os seus estudos musicais percorrendo xuntas, desde un principio, un amplo repertorio de música de cámara. É entón cando comeza os seus estudos de violín con Maruja Rodríguez, quen moi afectuosamente a estimula acompañándoa sempre nas súas intensas clases, inculcándolle o valor do traballo rutinario e a beleza da música. Importantes personaxes na súa primeira faceta de formación musical foron Vartan Manoogian, Sebastián Mariné, Canco López e Henrik Schering.

Até 1987, alterna o violín e o piano con outras materias musicais no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid, trasladándose máis tarde do Conservatorio da súa cidade natal ao RCSM do Liceo de Barcelona para perfeccionar os seus estudos de violín con Gonçal Comellas.

Profundiza na música dos séculos XVII e XVIII recibindo ensinanzas de Ángel Sampedro, Sigiswald Kuijken, Claudio Astronio, Emilio Moreno, Isabel Serrano, Win Ten Have e Lucy Van Dael, entre outros, ao mesmo tempo que se introduce na interpretación da música medieval coñecendo ao violista inglés John Writgh e aos luthiers Germán Arias, Antonio Franco e Francisco Luengo, os cales construíron instrumentos específicos para ela. Igualmente interésase pola linguaxe actual e traballa o repertorio contemporáneo xunto a David Quiggle e Ben Kreith.

Colaborou en diversas ocasións coa Xove Orquestra Nacional de España, Doxa, Orquestra Barroca de Salamanca, Capella de Ministrers, Orquestra Barroca de Xátiva, Capela Real de Madrid, Taller de Música Contemporánea do CGAC, "Compagnia de Musici" di Parma, Camerata do Prado de Madrid, Zarabanda, Orfeón Terra a Nosa, Capela Compostelá, Coro da Catedral de Santiago de Compostela, Malandança e Orquesta Presjovem.

Ofrece concertos tanto no ámbito nacional como internacional interpretando en varias ocasións concertos a só coa integral das Partitas para violín só de J. S. Bach, ademais dun Monográfico de Canco López con obras para violín só e acompañado con electrónica onde se van creando belas mesturas policromadas. Fai música xunto a músicos como Claudio Astronio, Gordon Murray, Maurizio Manara, Gemma Bertagnolli… Ademais toma parte en varias gravacións de CD e DVD; algunhas son: "As Idades do Home" co Coro Sebastián Durón (1991), "Mestres de Capela do s. XVIII" coa Capela Real de Madrid (1995), "Os Elementos" de A. Literes con Capella de Misistrers (1995), "Ordo Prophetarum" con Malandança (2004), "6 Sonatas en Trío" de J. S. Bach con Zarabanda (2005), "Delicias Españolas" coa Camerata do Prado (2006)...

É membro fundador do grupo Ars Combinatoria (1991) co que actualmente segue interpretando e dirixindo programas como violín solista e en diferentes cadros de cámara e orquestra, así como realizando concertos e gravacións de polifonía vocal de T. L. de Victoria utilizando o seu branco instrumento natural que é a voz (modelado desde 1987 xunto á foniatra Lourdes Querol).

No ano 2005, participa na creación do Encontro Artes no Camiño, no que se intenta instaurar un punto de “encontro” entre diferentes artes (música, danza, teatro, literatura, artes plásticas).

En canto ao seu labor pedagóxico, impartiu clases de violín na Academia Maese Pedro de Madrid, así como entre os anos 2005 e 2007 foi profesora del Taller de Música Antiga no Curso Internacional de Música de Lucena (Córdoba) e do Taller Artes para Nenos en Lugo no ano 2007.

Na súa outra faceta, a pintura (que enche grandes momentos da súa vida), segue arquivando bosquexos e cadros, que espera poder seguir creando infinitamente nos espazos nos que a música lle serve sempre de inspiración interior.