Clarino Consort é un grupo de música de cámara especializado na interpretación de música antiga que utiliza habitualmente instrumentos históricos aínda que sen renunciar á utilización ocasional de instrumentos modernos.
A súa formación é moi variada podendo ir desde o dúo formado por trompeta natural (Basilio Gomarín) e órgano (Alfonso Manso) ou o trío de soprano, trompeta e órgano (Clarino Consort Vocal) no que contan coa colaboración da soprano MªMar Fdez. Doval, recoñecida intérprete de música antiga, até agrupacións moito máis amplas nas que a trompeta, mantendo o peso específico da formación, combínase con outros instrumentos de vento, órgano e mesmo percusión.
Os seus compoñentes, profesores en distintos centros educativos, posúen unha ampla traxectoria e experiencia musical, tanto no terreo da interpretación como no da pedagoxía musical. Formados nos conservatorios de Santander, Bilbao, San Sebastián, Zaragoza ou Madrid, ampliaron estudos nos Estados Unidos, Bélxica, Reino Unido, Alemaña... con profesores como Marta Gulyas, Gabriele Cassone, Friedemann Immer, John Aigi Hurn, Dina Grossberger, José Miguel Moreno, Christine Whiffen, Monserrat Figueras ou Jan Willen Cansen.
Entre os concertos máis destacábeis nos que participaron os seus compoñentes podemos citar: Festival Internacional de Santander, Festival de Música Relixiosa de Cuenca, Semana de Música Relixiosa de Salamanca, Festival Internacional de Segovia, Festival Internacional de Música de Palencia, Festival Bach de Guipúzcoa, Ciclos de Música Relixiosa no Santuario da Ben Aparecida (Cantabria ) e na Catedral de Burgos, Semana de Música e Polifonía Sacra de Segovia, Outono Musical da Universidade de Cantabria, Aula de Música da Universidade de Cantabria, así como nos Concertos Pedagóxicos e o programa de recuperación de órganos organizados por Caixa Cantabria.
Clarino Consort Vocal
Soprano
Mª Mar Fernández Doval
Trompeta natural
Basilio Gomarín
Viola de gamba
Sergio Barcellona
Órgano positivo e espineta
Alfonso Manso