Círculos Líticos

Círculos Líticos








   

É un grupo de artistas, vinculados á cidade de Lugo, que iniciou a súa andaina comprometido coa intención de axudar a levantar o voo da poesía, e coa inquietude pola realidade e a sociedade actuais. Unha das ideas iniciais da formación é investigar os distintos campos artísticos para que, a partir deles, poidan nacer outros modos de expresión. Círculos Líticos presentou xa actividades como Viva Palestina!, no auditorio Uxío Novoneyra; A maré das negras ondas, no Gustavo Freire, etc.

Poetas

Lois Diéguez
(Monforte de Lemos, 1944). Estudos de bacharelato na súa cidade natal e de Enxeñeiro T. Topógrafo en Madrid, profesión que exerce no Concello de Lugo. Foi deputado polo BNPG/PSG na primeira lexislatura do Parlamento Galego.
            Ten un amplo campo de traballo como colaborador de xornais e revistas (El Progreso, A Nosa Terra…), na Radio (Galiza Sempre), como compoñente do grupo poético Círculos Líticos en realización de espectáculos culturais, ou como presidente de LugoPatrimonio na defensa do noso Patrimonio material e inmaterial. Activo conferenciante tanto no noso país como na emigración.
            Da súa ampla obra literaria destaca, en narrativa, A canción do vagamundo (1986), Monólogos do espello (1993), Viaxe ás terras encantadas de Lemos (1999),  A casa de Galiaz (2003), ou a súa última novela O canto do Muecín (2007). En poesía destacamos Albre de espranza (1966),  O ferro dos días  (1982) ou Ónfalos (2001).
            Premios literarios: en poesía: Colexio Minerva de Compostela,  Xogos florais de Monforte. En novela: Casa de Galicia de Bilbao ou o Blanco Amor de 1986.

Isidro Novo
Naceu en Lugo un día de san Froilán de mediados do século pasado. De escribir e rachar papel mentres traballaba en cousas completamente alleas ás letras, pasou pouco a pouco a coller o vicio de gardar. Iso foi o que provocou que a día de hoxe teña editados uns cantos libros e que haxa nos seus caixóns cousas que quizais publique algún día. No que toca á poesía ten na rúa os libros Dende unha nada núa e Esteiro de noites falecidas; mentres que na prosa comezou a publicar con Teaza de brétema, que foi finalista no certame O barco de vapor do 92, e logo viñeron Por unha presa de machacantes (novela cómica), Carne de can e Antollos de Eimarmena (os dous de relatos). Case todo o que editou ten algún recoñecemento oficial en forma de premios, como o Eusebio Lorenzo Baleirón, o Modesto Figueiredo ou o Manuel Murguía. É tamén coautor dun bo número de libros colectivos, foi radiofonista cun par de amigos facendo en Radio Clavi un programa cultural titulado Gomorritas e novas criaturas, fixo reportaxes, tivo un mínimo contacto co mundo audiovisual como guionista e mesmo fixo dúas guías orientativas para libar viño artesanal na cidade das murallas. Hoxe por hoxe deposita ansias no colectivo Círculos Líticos, ademais de seguir vertendo no papel as súas ocorrencias.

Anxo Rigueira Ferreiro
é diplomado en maxisterio e licenciado en Filosofía; pasou gran parte da súa vida laboral dedicado a traballos relacionados coa formación na área do deseño e as artes gráficas. Neste campo desenvolveu numerosos traballos (deseño editorial, libros dixitais, interactivos, deseño web...) para diversas empresas e entidades (Oysnoroeste, Marinasada, Redesyl, Losan, Concello de Portodosón, Alcer, Fundación Camilo José Cela, BNG, CIG...). Colaborou en diversas asociacións culturais (Radio Clavi, Brigadas en defensa do Patrimonio Chairego, Lugopatrimonio,...). Actualmente é profesor de filosofía no IES Lucus Augusti de Lugo.