Canco López

Compositor, Intérprete e Director Musical Canco López








   

Naceu en 1964 en Sarria (Lugo) onde inicia os seus estudos musicais, pasando polos Conservatorios de Santiago de Compostela, Lugo e Madrid onde estuda órgano e clave con Anselmo Serna e Genoveva Gálvez, respectivamente. Recibe clases de dirección de orquestra con Jose M. Peñarrocha e de harmonía con Jose L. Turina en Madrid, onde coñece en 1986 a Francisco Guerrero, recibindo clases de composición e integrándose no seu círculo de alumnos. Ademais de pertencer a Rigel (Departamento de Investigación para as Músicas Complexas), froito dunha estraña unión entre profesores e músicos, que fundou e dirixiu Francisco Guerrero.

No Auditorio do Real Conservatorio Superior de Música de Madrid estrea en 1988 Yen (Contrapunctus), para frauta, oboe e piano; en 1989 estrea e dirixe Sigot, para 3 percusionistas, tuba e recitador.

En 1990 por iniciativa do Concello xunto con un colectivo de veciños crea e dirixe durante os primeiros nove anos o Ciclo de Organo “Música Antiga" de Xunqueira de Ambía (Ourense), ao mesmo tempo que grava un CD de música antiga española no  órgano ibérico da Colexiata deste lugar con música de Antonio de Cabezón e F. Correa de Araujo.

Recibe bolsas en diversas ocasións da Xunta de Galicia e doutras institucións. En 1990-91, bolseiro polo Concello de Madrid vive na Residencia de Estudantes onde escribe Suite Vollard (11 grupos instrumentais) e Apotelésmata (2 oboes, 3 clarinetes e 2 trombóns).

Atraído polo campo da interpretación musical asiste a cursos de música  antiga e contemporánea. Pertence a varios grupos e crea  Ars Combinatoria en 1991coa pretensión de poder interpretar e dirixir músicas de todos os tempos.

En 1996 no  Centro de Arte Contemporánea de Santiago de Compostela ten lugar a estrea de Amiat I e Amiat II para trío de corda. En 1999 estrea Canzona Prima para Clarinete Só no Teatro Central de Sevilla e en xuño de 2002 no  Palacio de Lozoya de Segovia Añoram para violín só. En 2003 no  Museo Nacional Centro de Arte Raíña Sofía estrea Senum C para Electrónica (8 canles), e en febreiro do 2004 no  Auditorio Nacional Semel para orquestra de corda. Neste mesmo ano, coa inquietude de potenciar un Encontro Musical con outras Artes ao redor do Camiño de Santiago, crea Artes no Camiño. Encontro  que enmarca dous festivais (Festival das Artes e o Festival da Mocidade)ademais dunha comprometida Actividade Educativa e Actividade Social.

Entre os anos 2005 e 2007, imparte as clases correspondentes ao Taller de Música Antiga no  Curso Internacional de Música de Lucena (Córdoba).

En 2006 estrea en Santander Essev para violín e electrónica, e en Madrid durante o marco do XXV Congreso Internacional de Matemáticas Essihiza para piano e electrónica.

O ano 2007 crea un taller artístico-educativo-musical co fin de realizar a montaxe e a realización de espectáculos e concertos baseados no repertorio orquestral. Nace ao redor de Artes no Camiño a Nova Orquestra Galega das Artes (NOGA), que é un proxecto pedagóxico de Ars Combinatoria patrocinado pola Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia, a través da S. A. de Xestión do Plan Xacobeo. Neste mesmo ano na Fundación Antonio Pérez de Cuenca estrea Esserphe para frautas e electrónica

A súa música foi interpretada pola orquestra Camerata do Prado ademais de músicos como: Sebastián Mariné, Iván Solano, David Quiggle, Ben Kreith, Jean Pierre Dupuy, Julián Elvira, Jorge Montes e Elsa Ferrer.